Friday 17 de May de 2024

O Pico Sacro acollerá o congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS


As sesións desenvolveranse o 23 de xullo e o 11 de agosto.Estarán coordinadas por persoal do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da Universidade de Santiago de Compostela

O Pico Sacro acollerá nos meses de xullo e agosto o congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS. Trátase dun programa que ofrecerá charlas e observacións astronómicas para tódolos públicos. Está promovido pola Axencia de Turismo de Galicia, Xacobeo 2021, Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, en colaboración co Concello de Boqueixón.
A primeira das sesións levarase a cabo o vindeiro xoves 23 de xullo ás 22.30 horas. Os exoplanetas centrarán a temática desta actividade á que seguirá unha observación do ceo nocturno na contorna do Pico Sacro.
A segunda actividade desenvolverase o martes 11 de agosto, tamén ás 22.30 horas. Neste caso, a sesión terá como protagonistas ás Perseidas. As tamén coñecidas como Bágoas de San Lourenzo centrarán a observación
astronómica, que, en ambos casos, correrá a cargo do persoal do Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller da USC.
As dúas actividades do congreso público A ASTRONOMÍA nas RUTAS XACOBEAS son de carácter gratuíto. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición no Departamento de Cultura do Concello de
Boqueixón ( cultura@boqueixon.com ou 981 513 115).